Zigzag diario
“Que non te aten” de Manuel Iglesias, “Os Kowa” de Xavier Queipo e a editorial Novovinilo
04/04/2016 21:00 h
As letras invaden cada luns o programa “ZigZag Diario”. Hoxe traen ao estudio de gravación o escritor Manuel Iglesias Turnes, que vén presentar o seu último traballo, “Que non te aten”, unha historia de amor que ten como protagonista a unha parella que vive nos difíciles anos da posguerra en Cabanelas.
O espazo da tvG2 tamén presentará hoxe unha reportaxe sobre a novela de Xavier Queipo “Os Kowa”, traballo co que gañou o XXXIV Premio Blanco Amor de Novela.
Pero non rematan aquí as letras, xa que o programa sempre se fai eco das boas novas dentro das industrias culturais e por iso irá ata Vigo para coñecer unha nova editorial, chamada Novovinilo, que acaba de botar a andar.