Os nosos sabios
María Emilia Casas
Naceu en 1950, no seo dunha familia de Monforte de Lemos que lle inculcou o amor pola súa terra. O seu pai era rexistrador da propiedade, motivo polo cal a familia se desprazou por distintos puntos da xeografía española, aínda que sempre tendo a Galicia como lugar de referencia. “Tes que ser unha persoa por ti mesma”. Seguindo este consello familiar, Maria Emilia Casas soubo abrirse camiño na vida e no estamento xudicial sendo muller. Foi a primeira muller Catedrática de Dereito do Traballo e Seguridade Social do país, así como o membro máis novo en ingresar ao Tribunal Constitucional. Entusiasta defensora da independencia do Tribunal Constitucional de España, en 2004 foi a primeira muller en presidir este órgano (2004-2011), rexistrándose durante a súa presidencia avances en materia de dereito antidiscriminatorio e igualdade. A Xunta outorgoulle a Medalla de Ouro de Galicia en 2018.