Galicia percorre sendeiros
Malpica-Laxe, Malpica-Muxía e Muxía-Fisterra
O equipo de “GPS: Galicia Percorre Sendeiros” ofrece unha entrega única e espectacular coa realización do Camiño dos Faros, unha ruta de sendeirismo de 200 quilómetros que, en oito etapas, une Malpica con Fisterra facendo do mar o protagonista. Praias, dunas, ríos, cantís, desertos, estuarios, aves, castros, dolmens, vilas mariñeiras, faros... e máis faros. O proxecto foi impulsado pola asociación Camiño dos Faros, máis coñecida como “Os Trasnos”.
As tres primeiras etapas conducen ata Laxe, pasando por Niñóns e Ponteceso. Son tres días en que habi que camiñar algo máis de 20 km por etapa e pasar polos faros de Punta Nariga e Roncudo. “GPS” comeza en Malpica e máis concretamente no porto pesqueiro.
O tramo que une Laxe con Muxía divídese en 3 etapas, pasando pola pena grande de Soesto, Camelle, a duna de Monte Branco, o Cemiterio dos Ingleses, o Faro Vilán, Camariñas, Muxía e unha chea de praias e vilas no corazón da Costa da Morte.
Ao percorrer os impresionantes Cantís de Canosa, “GPS” atopa unha multitude de “trasnos” que adoitan ser vistos no horizonte, debuxando puntos de cor verde pola paisaxe da Costa da Morte, para chegar con eles ata Fisterra.
Desde o Monte do Facho contémplase o final do camiño: o Faro Fisterra. Este lugar é moito máis que un faro; é un monumento aos naufraxios e ás batallas marítimas que aquí se libraron. É a lembranza viva dunha multitude de historias das xentes que chegaron ata aquí por diversos motivos, pero, sobre todo, e se coincide coa posta de sol, é a felicidade total dun “trasno”.