CRTVG

Buscar

Documental

Casón 1987

05/12/2023 23:10 h

As estradas non daban abasto e houbo xente que tivo que quedar na súa casa ao seu pesar. Unhas 15.000 persoas fuxiron da Costa da Morte polo temor ás substancias que transportaba o buque Casón no seu bandullo. Da orde de evacuación á contraorde pasaron unhas horas. Nesta terra de xente curtida polos embates do mar representouse o desconcerto das autoridades para xestionar unha situación de crise. De proclamar que a carga era tóxica a defender sen concesións a súa inocuidade transcorreu o mesmo tempo. Foi o caos. Os nenos que foron alumados en cunetas representan o descontrol. Pasaron vinte anos desde o instante en que a Costa da Morte fuxiu por medo a morrer sen saber de que. O Casón é unha reconstrución emotiva, minuto a minuto, dun feito que conmoveu a Galicia en 1987 e agudizou a necesidade de transferir as competencias nalgunhas materias ás autonomías, sobre todo na seguridade marítima.

Este é un documental para a memoria contemporánea dun pobo que contempla cada día como pasan centenares de buques con cargas perigosas diante das súas espectaculares costas. Todo comezou ás 06:00 horas do 5 de decembro de 1987. O buque Casón, con bandeira panameña, interrompe a súa viaxe desde Holanda ata Shanghai por un incendio nas súas bodegas. Dos 31 tripulantes, todos chineses, 23 perden a vida ao guindarse ao mar, tamén o capitán, a persoa que podía dar fe da carga. O Casón pasa de ser obxecto turístico a "unha bomba". As administracións, a medida que van recuperando os bidóns marcados con normas e caveiras, deciden trasladalos á factoría de Alúmina-Aluminio, en Xove (Lugo). Ninguén quere ese contido cargado de sospeitas. Os traballadores paran a factoría cunha perda de 20.000 millóns das desaparecidas pesetas.

Atopar capítulo por: