Catedrais de Galicia
Catedral de Mondoñedo: o templo das torres xemelgas
Para contemplar unha das construcións altomedievais máis interesantes de Galicia, tanto pola súa dilatadísima historia e pola que tende a ser identificada como a catedral máis antiga de España, como pola riqueza arquitectónica, escultórica e pictórica que atesoura entre os muros declarados Ben de Interese Cultural en 1931, as cámaras do programa desprázanse a Mondoñedo.
A esta fermosa Catedral coñécena co nome de "catedral axoenllada" debido ás súas perfectas proporcións e pouca altura. Declarada Monumento Nacional en 1902, foi consagrada en tempos do bispo Don Martín no ano 1246. A construción remóntase a 1219 e as obras duraron polo menos o resto do século XIII e todo o seguinte. Posúe diferentes estilos arquitectónicos; empezou seguindo os canons románicos, tal e como se observa na Porta principal e na ábsida maior, pero as ampliacións posteriores foron barrocas, do século XVI a xirola e do XVIII coa remodelación da fachada e aconstrución das torres.
Repasamos as orixes da diocese mindoniense, que se remontan nada menos que ao século VI cando, cara ao ano 560, os cristiáns bretóns, fuxindo do seu inimigo anglosaxón, desembarcan na Mariña Lucense e fundan unha primeira sé episcopal denominada Bretoña, a cal tende a situarse nos próximos pagos do hoxe municipio da Pastoriza. Séculos despois, no último terzo do século IX e debido á invasión musulmá de boa parte da Península Ibérica, consta que o bispo de Dumio (a actual cidade portuguesa de Braga) foxe ata refuxiarse nos pagos de"Mendunieto", que moi probablemente corresponderían co actual emprazamento da Basílica. Deste xeito, San Martiño de Mondoñedo, case accidentalmente e de forma temporal, converteríase nunha sé episcopal dobre (Bretoña e Dumio), aínda que novamente a ameaza sarracena así como diversas incursións costeiras viquingas, obrigaron aos mitrados a abandonar o lugar. Pouco despois, e xa baixo o patrocinio do rei asturiano Alfonso III entre finais do século IX e principios do X, a sé episcopal queda restaurada baixo o mando do bispo Sabarico de Dumio, quen iniciaría a construción. A Sabarico sucedeulle San Rosendo e logo San Gonzalo, principal impulsor da igrexa que hoxe admiramos e a quen a tradición lle atribuíu unha serie de milagres que hoxe en día gozan de grande admiración popular. Durante a segunda década do século XII, en 1112 e en tempos da raíña Urraca, a sé catedralicia de San Martiño de Mondoñedo é trasladada ante o perigo de posibles incursións marítimas, uns vinte quilómetros ao interior do litoral, concretamente a un lugar chamado Valibria que, en recordo do primitivo episcopado, adoptaría o nome de Mondoñedo. Erixida a nova Catedral na xa próspera cidade de Mondoñedo, a Basílica de San Martiño foi convertida en canónica agustiniana ata 1543, data na que o papa Clemente VII ll acede ao bispado ata a definitiva exclaustración e conversión en parroquia durante o século XVII. O actual aspecto de San Martiño de Mondoñedo é o resultado de varias etapas construtivas realizadas entre os séculos X e XII, aínda que o groso da edificación data dos últimos anos do século XI, por iniciativa do Bispo Gonzalo e sendo aproveitadas para iso numerosas pezas dun templo preexistente erixido en tempos de San Rosendo. Chama a atención a rechamante decoración exterior das cornixas nas absidiolas laterais; os potentes contrafortes encostados á cabeceira e ao cruceiro; o tímpano composto por un dintel monolítico pentagonal no que aparece labrado un crismón trinitario (un dos pouquísimos existentes en Galicia); o sinteresantísimos capiteis de escultor anónimo coñecido tradicionalmente como mestre de Mondoñedo; e as pinturas murais da bóveda con escenas da Árbore de Jesé, a Asunción de María e a Salvación dos Xustos. A Catedral de Mondoñedo é, posiblemente, a menos coñecida das sés de Galicia pero atesoura un indubidable valor histórico, artístico e cultural.