CRTVG

Buscar

Aquí hai praia

Torno, en Cervo; Aguieira en Porto do Son e Lapamán, en Bueu

08/09/2021 22:30 h

Último programa de ’Aquí hai praia’ con tres novas praias para despedir esta temporada na Televisión de Galicia. Os comezos de setembro foron máis propios do verán que moitos días de xullo e agosto e aínda hai moitos turistas e visitantes que quixeron alongar a súa estancia para desfrutar da nosa costa.

Praia do Torno

Polo norte, no concello de Cervo, sitúase a praia do Torno. Esta praia lucense está representada pola figura da Maruxaina: unha serea que é xulgada todos os anos polo pobo de San Cibrao. Poden dictaminar dous veredictos: ímola salvar, porque fai unha boa función ou porén condeámola porque atrae aos mariñeiros ata o naufraxio. Ademais desta característica protagonista, a praia conta tamén cun obús lembranza da II Guerra Mundial.

Ademais destas personaxes que sempre atoparás no areal, descubrimos que un día máis, o ceo está encapotado polas nubes. Moitos praieiros indícannos que foron poucos os días soleados. A pesar dilo, sen dúbida que se está de marabilla na praia cunha temperatura agradable e incluso, corre unha leve brisa que ameniza e suaviza a xornada.

Tamén aprendemos nocións de táctica futbolística, de volei praia e nocións básicas de buceo e pesca submarina. Outros deportes de auga ademais do buceo, son os paseos en kayak e as motos de auga. Ademais de practicar deporte, moitos visitantes optan polo relax, como é o caso de Carme, fan da calceta na praia.

Praia de Aguieira

Na provincia da Coruña, visitamos a praia de Aguieira no Concello de Porto do Son. Esta praia de extensa lonxitude e forma de media cuncha sitúase entre as praias de Cabeiro e Castro Baroña, e coñécese tanto polo fermoso sistema dunar, como pola casa da illa, ou tamén chamada a “casa do dentista”. Coñecemos a paseantes que percorren todo o areal para facer exercicio. Visitamos acampamentos de verán que apuran os últimos días antes de comezar o colexio para desfrutar da praia cos máis novos. O deporte está presente tanto no mar con múltiples mergullos, como na area. Descubrimos o boxeo-costas que consiste en tocar a costa do rival sen violencia e sen mancar.

 Praia de Lapamán

Por último, na provincia de Pontevedra, coñecemos a praia de Lapamán, no concello de Bueu. Situada moi próxima ao concello de Marín e as praias do Santo e Loira, este areal é un dos máis visitados polos pontevedreses e mariñenses. Con moitas opcións de hostalaría nos arredores e servizos de socorrismo, cumpre coas necesidades tanto dos máis novos como os máis maiores. Coñecemos a buscadores de tesouros con detectores de metais. Están a buscar unha chave extraviada... Atoparán o obxectivo ou conseguirán uns euros para tomar uns xeados?

Descubrimos que tamén o amor, está máis no aire que nunca nas praias e un empregado dunha floristería, fai unha entrega especial dun namorado para a súa parella. As actividades acuáticas como o paddle surf son a gran moda do verán, e nun entorno cunha ondaxe tan feble, collen especial forza. Un senfín de opcións na costa galega para poder desfrutar de todo o verán nas nosas praias.

Atopar capítulo por: