Galegos no mundo
Programa 87: "Houston"
A Televisión de Galicia recupera a partir deste sábado, con novas edicións do programa “Galegos no Mundo” as experiencias de paisanos que nalgún momento decidiron emprender unha nova vida lonxe da nosa terra. O destino nesta ocasión será Houston, o maior estado de Texas e a cuarta cidade máis poboada dos EUA. Importante centro para a creación de equipos petrolíferos, esta cidade multicultural conta na súa área metropolitana con máis dun millón de residentes nacidos fóra do país.
Un deles é Adrián Candal, un coruñés de 28 anos que pediu unha excedencia na radio en que traballaba para ir a Houston coa súa familia. Da súa man, os espectadores da TVG coñecerán o centro financeiro, pasearán polo Sam Houston Park e internaranse nos característicos túneles subterráneos da cidade.
Pola súa parte, Sonia Codesido, que leva xa 17 anos en Houston, amosará a parte máis rural da zona, incluído un típico rancho e unha tenda exclusiva para vaqueiros; mentres que Alfonso García, un ourensán que traballa como auditor financeiro, guiará o equipo do programa polo Houston Medical Centre e polo Discovery Green.
“Galegos no Mundo” tamén se atopará hoxe con Mercedes Leira, que chegou á cidade por amor e que lle descubrirá á audiencia a zona máis industrial, cos pozos petrolíferos e o Museo Espacial da Nasa; e co coruñés Alberto Souto, que chegou a Houston hai dous anos e que en apenas tres semanas atopou traballo como programador.