Casa de comidas
Programa 8
Na localidade pontevedresa de Bueu encontramos Casa Quintela, que leva aberta desde o ano 1921, cando os avós paternos da xeración que rexenta actualmente o establecemento adquiriron un local que, nos seus inicios, albergaba a casa de comidas onde cociñaba a avoa e un salón de peiteados en que traballaba o avó. Neste local manteñen como base da súa cociña as receitas tradicionais de sempre, se ben con algún toque de innovación. A principal especialidade é o polbo, feito de moi diversas formas: á feira, con gambas ao allo, con fabas ou á prancha con grelos, entre outras.
Casa do Labrego, que se atopa en Baamonde, no concello de Begonte, conta con máis de 100 anos de vida. Os actuais responsables cren que foi no ano 1916 cando comezou a súa actividade, que naceu despois de que once irmáns que emigraran a Barcelona decidiran, ao seu retorno, montar un ultramarinos para dar paso, anos máis tarde, á casa de comidas que é hoxe en día. O local que a alberga é unha casa rústica e tradicional galega, ao igual que a súa comida, que se basea nos produtos típicos e frescos da época e na forma de cociñar de sempre. Entre as súas especialidades destacan o cocido, o polbo, os chourizos, a tortilla, o rape, a pescada e os mexillóns.
“Casa de Comidas” tamén entra no restaurante Novaíño, de Piñeira de Arcos, en Sandiás, un local que abriu hai aproximadamente 50 anos Amalia Gómez Manso, distinguida na categoría “Toda unha vida dedicada á cociña galega” nos XXIII Premios de Gastronomía de Galicia. Fan unha cociña tradicional, baseada en produtos autóctonos -sobre todo da zona da Limia-, en que prima a calidade. Préstanlle especial atención ás verduras, á carne e ao peixe e contan con horta propia. As súas principais especialidades son a tenreira asada, o cordeiro asado (ao estilo tradicional), o caldo galego, o cocido e o bacallau ao forno.
A última parada é na Cantina do Río Covés, en Nogueirosa (Pontedeume), que iniciou a súa actividade como ultramarinos e estanco no ano 1929. Foron os avós da actual responsable do establecemento, Inmaculada Eiroá, quen deron aqueles primeiros pasos. Despois da morte dos seus pais, coa casa pechada, un bo día Inmaculada, que se adicaba á avogacía, viu que o tellado estaba a caer e decidiu deixar a súa carreira profesional para dedicarse á hostalaría. Así foi como naceu a Cantina do Río Covés, que conta coa primeira “Q” de Calidade Turística outorgada en Galicia. Entre as súas especialides destacan os peixes, as sobremesas caseiras e, por encima de todas, a costrada, un prato medieval típico da zona, que foi traído por uns monxes agostiños hai máis de 300 anos.