CRTVG

Buscar

O explorador

Programa 7: Breogán, o primeiro galego

06/06/2014 00:10 h

“O Explorador” da TVG mergullarase nunha aventura moi atlántica: descubrir que hai de certo nas historias e lendas sobre o rei Breogán e os seus descendentes. Este caudillo está no centro das tradicións relacionadas coa fundación da Coruña. E a tradición asegura que os seus descendentes expandiron polo océano o seu poder a bordo de barcos de coiro e vimbios. O programa intentará descubrir se hai máis de 2.500 anos era posible sucar o Atlántico en embarcacións tan febles.

No seu percorrido desta noite, “O Explorador” tamén descubrirá que, segundo lendas irlandesas transmitidas durante séculos a través do mar, os “milesios”, descendentes do propio Breogán, terían conquistado Irlanda. E, ollando cara ao norte, descubrirá por que os irlandeses gardan como ouro en pano un documento que ten moito que ver con nós: o Leabhar Ghabhála, o Libro das Invasións de Irlanda, que relata as expedición do clan de Breogán na procura daquelas terras. É posible que xentes de Galicia chegaran a Irlanda en barco centos de anos antes do nacemento de Xesucristo? Na Coruña, Sergio Zearreta atopará a réplica dunha daquelas embarcacións.

O mar da Coruña e a bruma atlántica alumearon unha das historias máis abraiantes da cultura europea. A aventura do rei que navegou cara ao norte é unha lenda transmitida durante séculos a través do mar. Pero, que hai de real no mito? Foi Breogán o primeiro galego?

Atopar capítulo por: