Sopa de festa
Programa 4: Especial a sardiña no San Xoán
Esta noite serán moitas as rúas, prazas, praias e recunchos que se enchan de cacharelas, un dos rituais máis vistosos e con máis simboloxía, para celebrar o San Xoán. Pero esta data tan sinalada na tradición galega tamén vai acompañada da gastronomía; de aí que sexan tan populares as sardiñadas. O programa da Televisión de Galicia “Sopa de Festa” ofrece hoxe un especial sobre o produto estrela desta noite máxica: a sardiña.
O equipo de reporteiros de “Sopa de Festa” compartirán cos espectadores da TVG un previo a todas as sardiñadas que se van a celebrar hoxe á noite. Deste xeito, os espectadores coñecerán como foi a pesca da sardiña, que prezos acadou na lonxa da Coruña e, sobre todo, o prezo de compra para os galegos, que celebrarán as populares sardiñadas.
Por outro lado, mantendo a súa esencia gastronómica, “Sopa de Festa” tamén ofrecerá neste especial outros xeitos de preparar e comer a sardiña. Para iso, achegarase ata a cociña de dous establecementos da Coruña, onde prepararán o produto estrela do día de dúas maneiras diferentes, máis sofisticadas e alternativas á tradicional sardiña asada.
Outros contidos que o programa compartirá coa audiencia galega serán a tradición, as lendas e toda a simboloxía que envolve a celebración do San Xoán. Da man dun experto historiador, os espectadores saberán o por que das sardiñadas nesta celebración.
Para rematar, e alentando o espírito de celebración que se vivirá esta noite, o equipo de reporteiros de “Sopa de Festa” non quixo perder a gran sardiñada popular que organizaron en conxunto varios establecementos hostaleiros dun barrio coruñés para todos os seus clientes e veciños.