Vaia troula
Programa 115: Romaría da Virxe da Barca en Muxía
Nieves Rodríguez daralles a benvida aos telespectadores dende Muxía, onde celebran a tradicional romaría da Virxe da Barca, unha festa chea de devoción e lendas nunha contorna fermosa e máxica.
Fátima Mella achegarase ao concello lugués de Taboada para participar na festa da queima das fachas, que enxalza unha tradición milenaria. María Carballeira estará no San Roque do Monte de Vilanova de Arousa, onde celebran o seu día grande con xogos populares e unha espectacular carreira de burros. Ilda Mosquera irá ata A Lama para gozar coa Festa do Viño do Pelete, en que os sorrisos e o bo humor están asegurados.
As cámaras de “Vaia Troula” estarán tamén presentes nas festas patronais do concello coruñés de Porto do Son, onde haberá música e xurelos para todos. Outro dos destinos do programa deste domingo será Ribadeo para seguir o impresionante desfile de cocos e cabezudos. O menú trouleiro continuará coas festas da Laracha, co seu divertido concurso de carrilanchas, e a romaría da Virxe do Faro de Ponteceso.