CRTVG

Buscar

Vaia troula

Programa 109: Festa da Anunciada en Baiona

02/08/2015 22:30 h
Nieves Rodríguez dálles a benvida aos espectadores de “Vaia Troula” desde Baiona, onde celebran as tradicionais Festas da Anunciada. Nun mesmo día, os baioneses gozan da música e amosan toda a súa devoción pola Virxe da Anunciada cunha fermosa Danza das Espadas. 
A reporteira Fátima Mella está nas Neves para vivir a romaría de Santa Marta de Ribarteme. A procesión dos cadaleitos é un dos momentos máis intensos desta festa, a segunda máis “rara” do mundo, segundo un prestixioso xornal británico. 
Ilda Mosquera achégase ata o concello coruñés de Ribeira para gozar da Festa do Percebe de Aguiño, un auténtico pracer para os sentidos. E María Carballeira viaxa ata a parroquia de Escuadro, en Silleda, para troulear na romaría da Fervenza, que se celebra nun marco de gran beleza natural e paisaxística. 
Ademais, as cámaras de “Vaia Troula” están presentes na festividade da Virxe do Carme de Celeiro, en Viveiro, e nas festas patronais de Santa Marta de Ortigueira. Tamén hai espazo para a romaría de San Fins de Castro, en Cabana de Bergantiños, en que os asistentes entoan todos os anos o potente “berro seco”.
A proposta trouleira do programa da TVG inclúe tamén as Festas de Bergondo e a romaría da Tortilla de Laro. 

Atopar capítulo por: