Zigzag diario
Programa 1088
Na edición deste venres, a revista cultural “ZigZag Diario” contará no estudio de gravación con Mela Casal, unha das actrices protagonistas da obra “Noiteboa”, de Redrum Teatro, unha traxicomedia na que tamén interveñen Ernesto Chao e Guillermo Carbajo e que se estreou onte en Santiago
A estrea hoxe en Narón de “Presidente”, da compañía Teatro do Morcego, será a seguinte representación que se abordará nesta edición en “ZigZag Diario”. Con Celso Parada metido na pel do máximo dirixente do goberno, é unha comedia electoral en que o presidente decidirá visitar persoalmente aos votantes nas súas casas en plena campaña. Esta obra de Xosé Luis Prieto conta amais no elenco artístico con actores como Federico Pérez, César Goldi, Merce Castro e Iolanda Muíños.
Ante a próxima celebración do FIOT, o Festival Internacional Outono de Teatro en Carballo, o espazo avanzará algúns dos contidos máis destacados que reunirá o certame na súa vixésimo cuarta edición este mes de outubro.
“ZigZag Diario” recomendará ademais a obra “El largo viaje del día hacia la noche”, de Eugene O’Neill, con Mario Gas e Vicky Peña, e “Atlántica”, a última montaxe do Centro Coreográfico Galego, co que se rende homenaxe aos autores do Rexurdimento.