Zigzag diario
Programa 1087
A presenza galega no Festival Internacional de Cine de San Sebastián ocupará hoxe os contidos da revista cultural diaria “ZigZag Diario” da tvG2. Ademais de interesarse pola presenza de artistas galegos que acudirán a este prestixioso certame, o espazo falará das producións que se exhibirán nesta 63 edición.
Neste percorrido, “ZigZag Diario” contará no estudio de gravación co compañeiro da TVG, Dani de la Torre, realizador do thriller de acción trepidante “O Descoñecido”, con Luís Tosar e Javier Gutiérrez nos papeis protagonistas, entre un elenco con gran participación galega. Esta ópera prima de Dani de la Torre, producida por Vaca Films e a TVG, é unha película de acción cuns exteriores rodados na súa meirande parte na cidade da Coruña.
O programa falará amais de “Cociñando na fin do mundo”, documental que amosa a visión da nova gastronomía galega coa paisaxe natural de fondo.
Outro das ficcións que participarán no certame, e das que dará conta o “ZigZag Diario”, é a curtametraxe de Alberto Vázquez e Pedro Rivero, “Psiconautas”, unha intensa historia, cunha importante carga poética e social, que aborda a falta de expectativas laborais, o control familiar e social ou a querencia por sustancias aditivas polas que se moven os dous insatisfeitos protagonistas.