Zigzag diario
Premios Mestre Mateo, “Kauflanders” e “Toro”
Os Premios Mestre Mateo do audiovisual galego están á volta e no “ZigZag Diario” preparan hoxe un programa que xirará en torno a estes premios, entre outros temas. Por unha parte, a Sala Numax de Santiago será galardoada este ano, dentro destes premios, co Especial José Sellier, que honra iniciativas salientables dentro do sector audiovisual. Un dos fundadores do proxecto desta sala, Ramiro Ledo, virá hoxe ao estudio de gravación para comentar o seu traballo neste coñecido espazo compostelán e compartir a ledicia deste premio especial.
E co gallo deste premio de honra, o programa fará un percorrido especial polos Mestre Mateo e estes premios honoríficos que se levan outorgando desde o inicio.
No programa de hoxe, destaca tamén unha reportaxe con Xavier Villaverde, director co Premio de Honra Fernando Rey, e sobre a estrea de “Toro”, do director Kike Maíllo e participada pola TVG, que xa está nas salas de cinema. Outra das propostas ten como protagonista a Olaia Sendón, que vai camiño de Málaga co seu filme “Kauflanders”.