Londres en xogo
Piragüismo: Teresa Portela, deportista galega con máis participacións olímpicas
Con só 19 anos debutou nuns Xogos. Con 30 vivirá a súa cuarta experiencia olímpica, algo que ningunha outra deportista galega pode contar. Teresa Portela é unha das fixas desde Sidney. Os seus recordos darían para escribir unhas memorias olímpicas.
Só outros tres deportistas galegos conseguiron disputar catro xogos olímpicos: o tirador coruñés, Jaime González Chas, xa falecido; o canoísta grovense, Alfredo Bea, actual presidente da federación galega de piragüismo; e o remeiro vigués José Manuel Bermúdez.
Teresa únese agora a este grupo de escollidos. Despois de tres diplomas olímpicos en barcos de equipo, busca agora a reválida na embarcación individual.
No K-1 200 metros, Teresa é unha asidua do podio. Quedou tres veces campioa de Europa e dúas, campioa do mundo, a última en 2005. Desde aquela, a proba cambiou moito.
Teresa Portela só vai disputar antes dos Xogos a Copa do Mundo de Duisburg e non patricipará nos Europeos pola súa proximidade aos Xogos. En Londres vaise centrar só nos 200 metros. Desbota a distancia superior, os 500 metros.
Para igualar a Arancha Sánchez Vicario, olímpica en cinco ocasións, Portela tería que chegar a Río 2016.
O ritmo de Teresa é de máis de 140 padas por minuto. A dous meses e medio de Londres cada día é unha loita para limarlle milésimas ao cronómetro que a aúpen ao podio que lle falta por pisar.