Londres en xogo
Piragüismo: David Cal, gañador de 4 medallas olímpicas
Catro medallas converten a David Cal no deportista español máis condecorado da historia dos Xogos, igualado coa tenista Arancha Sánchez Vicario e o ciclista Joan Llaneras. Londres pode ser escenario dun fito histórico: o mellor deportista galego de todos os tempos aspira a sumar a quinta medalla en C-1, que se lles resistiu aos mellores canoístas da historia, incluído un dos máis grandes, o alemán Andreas Dittmer, retirado xa aos seus 40 anos. David Cal, de 29 anos, xestiona sen problemas a presión.
A planificación de Cal, clasificado desde o ano pasado, marcha sobre os plans previstos polo seu inseparable adestrador, Suso Morlán. O debut está previsto para o seis de agosto.
David chegará a Londres cos Xogos xa comezados. Non estará polo tanto na cerimonia de inauguración, unha vez que se confirmou que non repetirá a experiencia de Pequín, cando desfilou como abandeirado da delegación española.
O piragüismo disputarase en Eton Dorney, preto do castelo de Windsor, a uns 40 quilómetros ao oeste de Londres. Non é unha pista descoñecida para David.
A diferenza de Atenas e Pequín, Cal só disputará en Londres a distancia de 1.000 metros. Os 500 metros desapareceron do programa olímpico e apareceron os 200 metros, unha distancia curta para as características de Cal. O seis de agosto disputará as series e as semifinais. O 8 de agosto, ás dez e media da mañá chegará o momento máis esperado dos últimos catro anos.
Os principais rivais serán o actual campión olímpico e mundial, o húngaro Attila Vajda; o ruso Vadim Menkov, dúas veces campión do mundo e o alemán Sebastian Brendel, campión de Europa nos dous últimos anos.
Serán os cuartos xogos do cangués. En Sidney foi suplente, en Atenas e en Pequín gañou as catro medallas. Se en Londres cae a quinta, repetirá en Río 2016.
Londres pode aupar a Cal ata o máis alto da historia da canoa individual e do olimpismo español. O da quinta medalla é un territorio xamais explorado nin por un canoista de C-1 nin por un deportista español. Cal está disposto a conquistalo.>