CRTVG

Buscar

Grandes lugares

Partovia, Brocos e Oza

02/06/2019 23:10 h

Índice de contidos

01:10 Partovia (O Carballiño, Ourense)
19:43 Brocos (A Golada, Pontevedra)
36:16 Oza (Teo, A Coruña)

Nesta edición "Grandes Lugares" visita as aldeas de Partovia, no concello ourensán do Carballiño; Brocos, no concello pontevedrés de Agolada, e Oza, no coruñés de Teo. Partovia é un gran lugar do concello do Carballiño, unha terra balnearia onde se coce moi bo pan e onde todo o mundo ten horta. Os espectadores coñecerán os viveiros de Partovia e as ocas de Rosa, que poñen os mellores ovos do lugar. O programa tamén charlará con Luís, un coleccionista de primeira e fillo de baldeiro. Partovia é tamén un gran lugar termal, xa que alí se agocha un dos centros turísticos do interior máis importantes de Galicia. O balneario histórico das Caldas de Partovia é unha fonte de saúde e de beleza e ao parecer os romanos xa facían uso destas augas. San Miguel de Brocos é unha parroquia do concello pontevedrés de Agolada, un gran lugar que non se entende sen o encoro de Portodemouros. Parte da súa historia quedou mergullada baixo unha lagoa que convive cos veciños integrada na contorna. "Grandes Lugares" comprobará que Brocos é terra de flora e de fauna autóctonas e coñecerá a granxa de polos de Luís e de Esther, que está lonxe dos curiosos e resgardada da rapina, e o encoro, que destaca na paisaxe deste gran lugar, converténdose nun reclamo para os amantes dos deportes acuáticos. Ademais, contará a verdadeira historia de Brocos quen mellor a coñece: Luísa, a cronista oficial. A última visita será a Santa Eulalia de Oza, unha parroquia do concello coruñés de Teo, onde os veciños conviven co rural desde ben nenos. O equipo do programa descubrirá como a escola Luscofusco recupera a esencia dos colexios rurais, un espazo onde só se escoitan música, risos e vida. Os rapaces de Luscofusco teñen visita obrigada unha vez á semana: a granxa de Juan. Os espectadores coñecerán tamén a bodega de Fernando, en que é máis importante a calidade que a cantidade, e tamén descubrirán as xoias de José Manuel, bonsais que son tesouros. En Oza tamén hai fauna autóctona, xa que alí se cría a galiña galega por excelencia.

Atopar capítulo por: