CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

Os Óscar, Maximino Zumalave, Antonio Rivas, Xosé Constenla e Emilio Rúa

28/02/2016 00:45 h

A grande festa do cinema será esta fin de semana. Os premios Óscar acollerán no Teatro Kodak dos Ánxeles numerosas celebrities e importantes personalidades do mundo do cimema. A alfombra vermella xa está lista no “ZigZag-Eirado” para facer un repaso polas principais candidaturas á estatuíña dourada. O percorrido que farán irá desde o nomeamento a mellor película, entre as que están títulos como “O Renacido”, “Marte” ou “Spotlight”, pasarán polo mellor director, mellor actor e finalizarán cos nomeamentos a mellor actriz. 
O cinema dará paso á música e iso traerá a Maximino Zumalave ao estudio de gravación. Este home foi un dos fundadores da Real Filharmonía de Galicia, que este ano fai máis de 20 anos da súa creación. Con este experto director, o programa fará un percorrido pola traxectoria e historia desta agrupación instrumentalista. 
Seguidamente chegará a quenda da actualidade musical. Para esta edición de fin de semana, o equipo do “ZigZag” falará do compostelán Antonio Rivas, un cantante e compositor youtuber que vén de estrear o seu novo disco nesta plataforma de vídeo. O seu vídeo musical “Por ahí” xa acadou case 700.000 visualizacións. 
A música galega seguirá soando da man de Xosé Constenla, que estrea o seu disco “A vida por avante”, un traballo que está dispoñible xa nas principais plataformas de descarga legal de música e que se presentou hai pouco na Casa das Crechas. 
Despois de todo isto, chegará ao programa Moncho Lemos. O habitual colaborador falará hoxe de Emilio Rúa, cantautor ourensán que estes días está a presentar o seu novo disco, “Querida Alegría”, un traballo en que combina temas novos con versións doutros clásicos, como o famoso “A saia da Carolina” de Fuxan os Ventos. 

Atopar capítulo por: