CRTVG

Buscar

Os fillos do sol

Os fillos do sol

16/04/2018 22:00 h

Televisión de Galicia estrea “Os Fillos do Sol”, película para televisión que narra as orixes dos laboratorios farmacéuticos galegos Zeltia. Ambientada fundamentalmente en Galicia (concretamente no Porriño, Vigo e Santiago de Compostela), esta coprodución entre a TVG e TV3, realizada polas produtoras Portocabo e Diagonal TV, presenta unha apaixonante historia de ambición e superación persoal.
Dirixida por Ramón Costafreda e con Pablo Derqui, Xosé Barato, Vichy Luengo, Víctor Duplá, Xulio Abonjo e Tamar Novas como protagonistas, esta longametraxe narra a historia épica de catro visionarios que, en plena posguerra en España, lograron crear unha das empresas farmacolóxicas máis importantes do século XX. 
“Os Fillos do Sol” conta o xerme dunha empresa que nace no Val da Louriña, un lugar típico do rural galego que pasa a albergar a sede da ciencia e da tecnoloxía máis innovadoras. En plena posguerra, xérase unha burbulla arredor dun proxecto pioneiro e próspero.
En 1939, o brillante científico catalán Fernando Calvet, que con 23 anos se convertera no primeiro catedrático de Química Orgánica da Universidade de Santiago, incorpórase ao lanzamento da empresa químico-farmacéutica Zeltia como director do equipo de investigación. Acompáñao nesta aventura o seu amigo Ramón Obella, médico e empresario compostelán con grande imaxinación e olfacto empresarial, con quen fundara anos antes o grupo naturista Os Fillos do Sol. Tamén participan na aventura os irmáns José e Antonio Fernández López, principais impulsores financeiros do proxecto. O seu obxectivo era o aproveitamento da flora e dos residuos orgánicos da zona para a produción de fármacos destinados ao consumo humano, veterinario e agrícola.
Nun momento histórico hostil, os seus laboratorios do Porriño pasan a converterse no epicentro da ciencia moderna, asentando as bases dun grupo empresarial que aínda hoxe é un referente.

Atopar capítulo por: