CRTVG

Buscar

Documental

Os días afogados

12/01/2019 02:25 h

Despois de 20 anos sepultada baixo as augas do encoro de Lindoso (Portugal), a aldea de Aceredo (Lobios, Ourense) quedaba ao descuberto a finais de 2012 debido á baixada inesperada do nivel da presa. Do fondo do encoro emerxían as ruínas do que foi, en tempos, un dos lugares con máis vida de toda a Baixa Limia, unha ocasión que aproveitaron os antigos veciños de Aceredo para reencontrarse coa aldea da que foran expulsados. Entre os vestixios aínda visibles do vello Aceredo apareceron os restos da casa familiar de Paco Villalonga, o protagonista principal deste documental. En 1989, tres anos antes de que a aldea quedara anegada polo encoro, proponser rexistrar coa súa cámara doméstica os últimos momentos dun lugar e dun tempo que estaban condenados a desaparecer. Cámara en man, percorre a aldea gravando os escenarios que marcaron a súa infancia e facendo memoria -a través de comenarios en off- das experiencias alí vividas. Un percorrido no que van aparecendo os últimos veciños de Aceredo e no que se mesturan os recordos familiares e as lembranzas do xeito de vida na aldea, para que, como lle di o propio Paco a un veciño, cando non estea o pobo saibamos quen había nel". A historia do encoro de Lindoso e a historia familiar de Villalonga están ligadas desde o comezo da construción da presa. Nos anos 40 o seu propio avó participara nos traballos preliminares de medición da "barragem", o primeiro grande aproveitamento hidroeléctrico de Portugal, que en 1992 provocaría o anegamento de Aceredo e das aldeas veciñas de O Bao, Buscalque e A Reloeira. O 8 de xaneiro de 1992, a hidroeléctrica "Electricidade de Portugal" pechaba as comportas da presa. Esa mesma noite a súpeta subida da auga sorprendía aos veciños de Buscalque, a primeira das aldeas en quedar cuberta polo encoro, que se viron obrigados a saír ás présas das súas vivendas, intentando poñer a salvo pertenzas e animais en medio da escuridade. Uns 250 veciños tiveron que deixar os seus fogares. Foi un exilio traumático que provocou unha forte oposición social, con peches na casa do concello de Lobios e na igrexa parroquial de Aceredo en protesta pola expropiación das terras. Tomando a Paco Villalonga como fío condutor da historia, o documental recolle os testemuños de veciños afectados para reconstruír o trance de abandonaren definitivamente os lugares onde tiñan as súas raíces.

Atopar capítulo por: