CRTVG

Buscar

Zigzag-Eirado

“O volframio en Varilongo” de Carmen Blanco, cine, música e Rubén de Lis

08/05/2016 00:45 h

A escritora Carmen Blanco, veciña de Santa Comba de Xallas, preto das minas de volframio de Varilongo, recolle nunha monografía sociopolítica as experiencias dos veciños da contorna cando, durante o período da II Guerra Mundial, o tungsteno se convertera nun importante dinamizador económico para diversas comarcas galegas. Blanco presenta esta noite no programa “Zigzag-Eirado” o seu libro “O volframio en Varilongo”, que elaborou a base de entrevistas con diversas persoas que tiveron que ver coa explotación e traballo de extracción do mineral. 
O programa presentado por Tino Santiago tamén se fará eco de diversas estreas cinematográficas. O documental “Sons do mercado”, dirixido por Marcos Nine, versa sobre a actividade no mercado de Salgueiriños, que cada xoves se monta neste barrio de Santiago de Compostela. Lars Kraume dirixe a produción alemá “El caso Fritz Bauer”, que narra un feito decisivo na detención do criminal nazi Adolf Eichmann. O espazo da tvG2 tamén falará de “The lady in the van”, drama británico que ten como protagonista a Maggie Smith, coñecida sobre todo pola serie “Dontown Abbey”. 
No apartado musical do programa, os espectadores poderán coñecer o novo disco de Rubén Artabe, o último vídeo de Davide Salvado e “The Rebel”, opera folk-rock posta en escena por Miguel e Iván Caride, que narra os últimos días do activista político e poeta Padraig Pearse.
Pola súa parte, Moncho Lemos falará no seu espazo musical de Rubén de Lis, músico nado en Gondomar que iniciou a súa carreira musical con 13 anos e que conta con formación clásica de conservatorio.

Atopar capítulo por: