CRTVG

Buscar

A Revista Fin de Semana

O proxecto educativo LOVA consegue unir aos alumnos creando unha ópera musical

22/06/2019 13:46 h

Deixar os cativos a cargo de crear, dende cero, nada menos que unha ópera é o obxectivo do proxecto LOVA, siglas da ópera como vehículo de aprendizaxe. No fondo, do que se trata é de aprenderlles a traballar en equipo e de darlles ferramentas para resolver os problemas que poidan xurdir entre eles. Visitamos un dos colexios de Galicia nos que se traballa con este proxecto.

As relacións públicas espían minutos antes de abrir as portas. Dentro, todos se afanan en ultimar o seu traballo. Maquillaxe, peiteado, últimos ensaios dos músicos... Nuns minutos, a compañía Pequenos Operadores vai estrear a súa primeira produción, a ópera titulada A aventura dunha amizade.

É a culminación ao traballo de todo un curso destes alumnos do colexio Calasanz da Coruña como parte do proxecto LOVA, a ópera como vehículo de aprendizaxe.

Trátase de afrontar un reto complicado e superalo grazas ao traballo en equipo.
No fondo, e sen querer desmerecer, a ópera é o de menos. Aquí do que se trata é de aprender a traballar en equipo, construír un ambiente de confianza e compartir un esforzo.

LOVA naceu en 2007 e dende entón xa se puxo en práctica en quince autonomías. É un proxecto transversal que se integra en diversas áreas do currículo sobre as que traballan os cativos ao longo do curso. A idoneidade dunha ópera vén dada porque abrangue numerosas disciplinas. E a súa estrea non é o obxectivo do proxecto, senón unha parte máis.

Para os seus protagonistas, moi probablemente a máis satisfactoria.
 

Atopar capítulo por: