CRTVG

Buscar

O país máis grande do mundo

Achegámonos ata Houston, Gales, Washington, Londres e a Antártida

05/01/2016 22:30 h

Imos ata Houston, onde falamos con Mercedes Leira, unha muller de Pontedeume casada cun americano a quen coñeceu cando traballaba no antigo estaleiro de Astano en Ferrol. 

En Gales, Nuria Vázquez, unha viguesa que traballa na Universidade de Cardiff, cóntanos como os seus fillos, Elis e Alwyn, seguen mantendo a tradición de deixar comida e bebida para os Reis e os camelos.

Contamos con Érika Vera e Iván Rodríguez, barbeiros na prestixiosa New York Barbershop de Rotterdam, unha das mellores barberías do mundo. A través dun videodiario, amosan ao seu fillo, Eiden, de seis meses, parte da súa familia, e algúns dos recunchos máis especiais para eles da cidade holandesa.  

Tamén conta como vive os Reis Shayla Antía, unha nena galega que vive en Washington coa súa nai, Sonia Villapol, unha neurocientífica que traballa na Universidade de Georgetown no desenvolvemento de fármacos para diminuír os danos cerebrais derivados de ictus ou traumatismos. 

Falamos con outra científica galega, Elena Sotillo, unha investigadora coruñesa que traballa no Hospital Infantil de Filadelfia, no desenvolvemento dunha terapia inmunolóxica revolucionaria para o tratamento da leucemia. 

Non pode faltar a música de panxoliñas, que achegará o coro El Acorde Secreto, e tamén o roscón, un dos doces por excelencia desta época. Contactamos con Antonio Sampedro e Carmen Pardiñas, dous galegos retornados de Suíza que actualmente rexentan unha panadería en Vimianzo: veremos como levan os encargos para o día de Reis e coñecemos a súa historia persoal de emigrantes. 

Temos no estudio á actriz Lucía Regueiro, unha coruñesa con seguidores no mundo enteiro, saberemos cales son os seus plans profesionais para o novo ano e tamén como vive esta xornada de Reis. Tamén no estudio, contaremos con Manuel Rieiro, un xalleiro que emigrou ao Río de Xaneiro con 17 anos e durante anos rexentou o restaurante máis famoso do Brasil.

Viaxamos ata Londres para descubrir a historia de Antonio Carreira, un veciño de Vilalba que emigrou hai 45 anos a Inglaterra.

Saudamos aos galegos que forman parte do persoal da Armada despregados na Antártida, na base “Gabriel de Castilla”, para saber como pasaron estas festas lonxe das súas familias. 

Atopar capítulo por: