O país máis grande do mundo
Achegámonos ata Washington, Lima, Londres e Chile
Coñecemos a unha galega que vai vivir un Nadal con neve: Olga Lijo, de Porto do Son, que vive e traballa en Alaska de bibliotecaria, e cun galego que vai pasar estas festas ao sol: Javier González, que é subdirector dun hotel en Xamaica.
Gozaremos do videodiario de Sonia Villapol, unha científica de Lugo que investiga no Centro de Neurociencias e Medicina Rexenerativa de Washington para mellorar a situación dos pacientes con danos cerebrais; e de Iria Llorca, de Ferrol, que vive en Lima, onde traballa como profesora de Gastronomía.
Visitamos a Enrique Ramil, un rapaz que o deixou todo para marchar cantar a Londres, onde é director dun coro. Ramil será o protagonista dunha espectacular volta á casa polo Nadal, xa que vai aparecer, sen que os seus o esperen, nun xantar familiar, deixando a todos abraiados, especialmente a súa avoa e a súa nai.
Outra volta é a da actriz galega Cristina Pascual, coñecida pola súa participación en series como “A Familia Pita” ou Fíos”. Volveu de Chile por uns días e serviulle para reencontrarse con Galicia e recobrar o sentimento pola súa terra.
Recibiremos saúdos dos militares galegos na Fragata Victoria e de Víctor Méndez, un militar da Coruña que pasará o Nadal en Iraq. Contaremos cunha aparición especial no estudio: a da camioneira Katy Tráiler, que, despois de relatar o seu periplo polas estradas europeas, amosará en directo a súa cara máis íntima e persoal.