O país máis grande do mundo
Achegámonos ata París, New Jersey, Berna, Manchester, Suíza, Hong-Kong e Bilbao
Aida Bao, a reporteira viaxeira cóntanos desde París como viviron os galegos da capital francesa os tráxicos atentados do pasado 13 de novembro.
Falamos con Eduardo Peña, un xornalista que leva 30 anos na capital francesa, ademais doutras persoas que amosarán o seu día a día tras os ataques terroristas.
Conectamos en directo con New Jersey, onde agarda Santi Formoso, ex-xogador do mítico New York Cosmos, que compartiu vestiario con lendas do fútbol mundial coma Pelé, Beckenbauer ou Cruyff. Pola súa parte, a actriz Isabel Blanco, filla de emigrantes, conta a súa historia persoal, como foi a infancia en Berna, a súa integración na sociedade suíza e o retorno a Galicia.
Ademais, coñecemos a un “superavó”, Manuel Salgado, co que o equipo do programa viaxará a Manchester para darlle unha sorpresa á súa neta e cociñarlle un bo cocido galego.
Rodrigo Vázquez tamén presenta a curiosa historia de Manuel e Carmiña, un matrimonio que, a pesar de viviren separados durante máis de 30 anos, un en Suíza e o outro nas Neves, mantiveron viva a chama do amor.
En Hong-Kong agarda Dani Cancela, futbolista do Kitchee SC. O que fora xogador do Lugo leva 6 anos alá coa súa muller, María, e acaban de ser pais por segunda vez. Cancela cóntanos como é a aventura de criar dous cativos a máis de 10.000 quilómetros de Galicia.
O país máis grande do mundo tamén viaxa ata Bilbao, para coñecer como a comunidade galega mantén viva a tradición do magosto desde Euskadi, e con Katy Tráiler, unha camioneira que irá contando semana a semana como é a vida desde a cabina coa que percorre Europa.