A revista
O obradoiro de emprego Ribadeo co Camiño revaloriza o patrimonio da ruta polo concello
E para chegar a Santiago, cómpre vir por calquera dos camiños xacobeos, tarxetas de presentación de Galicia para os peregrinos. A vintena de alumnos do obradoiro Ribadeo co Camiño traballaron duro estes meses para revalorizar os recunchos polos que pasa, no seu concello, o Camiño de Santiago Norte. Ademáis dun oficio, aprenderon a valorar o seu patrimonio natural e artístico. Por toda a ruta quedan mostras do seu traballo. E obras son amores.
Ribadeo é a entrada do Camiño de Santiago do Norte, o primeiro contacto que teñen con Galicia os peregrinos que chegan desde Asturias. E así durante 19 km, por parroquias costeiras rurais ata chegar a Barreiros.
Por primeira vez, un ciclo formativo do Concello de Ribadeo centrouse en embelecer e acondicionar recunchos deste Camiño co traballo da vintena de alumnos que participou nos últimos nove meses nos módulos de xardinería e de dinamización, programación e desenvolvemento de Accións culturais.
Pillámolos no derradeiro día de curso, dándolle os últimos toques a unha das intervencións na fonte do Valín, onde recuperaron da lama e das silveiras outra fonte de augas ferruxinosas e acondicionaron a contorna e o acceso de ambas as dúas.
O patrimonio natural foi o obxectivo dos futuros xardineiros. O patrimonio arquitectónico e artístico foi cousa dos aspirantes a dinamizadores culturais cun dos puntos fortes na capela das Virtudes, do século XIV, en Arante, onde atenderon a peregrinos e turistas. Desde que eles abriron ao público esta xoia do patrimonio ribadense o cheiro de humidade da capela desapareceu e mellorou o estado xeral do interior que acolle un retablo barroco e excepcionais pinturas murais dos séculos XVI e XVII, descubertas en 1970, entre as que hai un singular exvoto naval considerado único en Galicia.
Tras o último día do alumnado na capela, agora volverá permanecer pechada agás nos días de culto. Un futuro incerto, polas humidades e a falta de plan de protección, coma o que lles agarda a eles que aínda así son optimistas.
Ribadeo co Camiño revalorizou o patrimonio natural e artístico do concello tamén mediante visitas escolares, concursos fotográficos e prantacións de árbores, porque para coidar o noso e defendelo, primeiro cómpre coñecelo.