Momentos G
O Museo das Peregrinacións de Santiago presenta 'Fe', a mostra do fotógrafo compostelán Tino Martínez
Entramos no Museo das Peregrinacións de Santiago, e facémolo cun compostelán que leva toda a vida cos ollos detrás dunha cámara. A súa última mostra fotográfica é unha escolma de 45 anos de traballo que dá forma á 'Fe' inmortalizada por Tino Martínez.
Aos seus preto de 78 anos, fixo un complicado labor de selección entre corenta mil negativos para descubrir as 90 imaxes que integran esta mostra.
Son fotografías analóxicas, realizadas en branco e negro entre os anos 1971 e 2016, nas romarías máis importantes de Galicia: no Nazareno (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), nos Milagres de Amil (Pontevedra), o Santo Cristo de Xende (A Lama, Pontevedra), na Virxe da Xunqueira (Cee, A Coruña), en Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra), no Corpiño (Lalín, Pontevedra)....
A mostra está dividida en dúas prantas: a primeira acolle imaxes máis xerais e a segunda céntrase nos retratos máis intimistas. Todas elas feitas dende o respecto máis absoluto, tanto coa tradición como coas persoas que participan dela, sen empregar obxectivos que deformen os rostros ou distorsionen a realidade, sen mentiras, sen xogar coas modas. O seu obxectivo: facer o traballo o máis digno posible, para que o espectador pense, se faga preguntas e, sobre todo, que as imaxes lle xeren empatía e lle fagan sentir.