CRTVG

Buscar

Especial

O mellor galo do mundo

28/05/2018 22:20 h

Neste programa coñecemos as experiencias das persoas que, dunha forma ou outra, viven rodeadas de galos por todas partes. As reporteiras do programa, Belén Vara, Ariadna Leis e Aitana Crespo, fan un intenso e saboroso percorrido polas historias do galo do país.

Comezan en Vila de Cruces, na cooperativa Crugalo, coa xornalista cruceña Mercedes Seixo, que fala da Festa do Galo de Curral e acompaña o equipo do programa á carnicería na procura duns exquisitos embutidos de galo.

Na cidade de Pontevedra, comprobamos o éxito dos galos na praza de abastos. En Vilalba, na provincia de Lugo, as reporteiras falan con Francisco Monasterio, criador e presidente de Avimos. E despois acompañan un grupo de amigos a probar o delicioso galo de Mos nun restaurante de Cospeito. O programa tamén nos leva ao concello do Pino para presentar a Carlos, un namorado do galo Piñeiro que ten a granxa na súa propia casa; a Lalín, para pasar unha xornada con Cecilia e Cristina San Martín, dúas irmás que preparan un riquísimo  galo guisado en cazola de barro. Na cidade de Ourense, as reporteiras descobren o toque especial que David Rodríguez, do Pazo de Canedo, lle dá ao galo galego. E na granxa Seara, en Cartelle, Pepe Vilachá cría uns galos que envía a restaurantes e clientes de toda España.

O programa amósanos distintas formas de preparar o galo, coa cociñeira Lucía Freitas, Manolo, do restaurante Doña Ana de Santiago, e Diego, o cociñeiro de Casa Nené de Arzúa. Na granxa-escola El Kiriko, en Fornelos de Montes, vemos como os pequenos aprenden a vivir rodeados de galos. E no castelo de Maceda, na provincia de Ourense, asistimos a unha gran festa dedicada ao protagonista da noite. 

Atopar capítulo por: