Zigzag diario
“O cuarto das abellas” de Antía Otero, o Día da Ilustración e “Cartas de inverno” de Agustín Fernández Paz
Antía Otero acaba de publicar o libro de poemas “O cuarto das abellas”, do que falará hoxe no “ZigZag Diario”. A obra nace, segundo Fran P. Lorenzo, autor da contraportada, da tensión entre o doméstico e o salvaxe e configúrase a partir duns versos que, como o mel das abellas, proen e sandan á vez.
O programa cultural da canle pública tamén se ocupará do Día da Ilustración, sinalado no Calendario do Libro e a Lectura o 30 de xaneiro, data do nacemento de Castelao. O mundo da ilustración vive en Galicia unha etapa singular en que seguen producindo obras de primeiro nivel grazas a veteranos coma Xosé Cobas ou Miguel Anxo Prado e novos valores como Lucía Cobo, Nuria Díaz ou Antonio Seijas.
Por último, o programa falará da 35 edición dun dos libros máis vendidos da historia da literatura galega, “Cartas de inverno”, de Agustín Fernández Paz.