CRTVG

Buscar

Galicia 112

O crime de Pontedeume / Fundación Amigos de Galicia / Crime dun Garda Civil en Cangas /Actuación do SIR en Padrón e Ourense

21/05/2014 22:15 h

O programa “Galicia 112” tratará esta noite o crime de Pontedeume, o dun rapaz que en xullo de 2011 entrou en plena noite na casa dun matrimonio que hai pouco foi absolvido pola morte do menor. A partir deste caso, o espazo da TVG proporá o seguinte debate no estudio de gravación: que podemos facer ante unha situación similar? Estamos seguros dentro das nosas casas? É lícito defenderse?

Por outro lado, o espazo presentado por Beatriz Pino achegarase esta semana á cara máis solidaria dunha crise económica que está a pór a moitas familias ao borde do abismo. Un equipo de “Galicia 112” seguirá o traballo da Fundación Amigos de Galicia, que lles facilita alimentos, roupa e mobles aos colectivos con limitacións económicas e sociais. Ademais, o programa contará co testemuño de varias familias afectadas pola carencia de recursos.

O crime que hoxe reconstruirá o programa é o dun garda civil de Cangas en 2011, asasinado polo fillo da súa compañeira sentimental. O rapaz sufrira dous anos antes un accidente de motocicleta que lle deixou secuelas psicolóxicas, entre elas graves perdas de memoria e a incapacidade de controlar os seus impulsos. “Galicia 112” contará coa presenza no estudio do seu avogado e dun psicólogo para falar deste caso.

Ademais, o programa realizará as súas habituais saídas cos equipos de seguridade e de urxencias de Galicia. Desta volta, acompañará un equipo do SIR (a Sección de Intervención Rápida da Garda Civil) nun control rutineiro antidrogas e de armas ilegais en Padrón e verá como a Policía Nacional intervén en Ourense nun caso de violencia de xénero, outro de tráfico de droga a pequena escala e o que parece ser un atraco.

Atopar capítulo por: