CRTVG

Buscar

Momentos G

O Courel agocha 25 especies de orquídeas, algunha única no mundo

29/05/2019 10:23 h

O turismo sostible e a esperanza de insuflar vida nunha zona moi castigada polo despoboamento levou a Marcos a deixalo todo e asentarse nunha aldea de só 15 habitantes na montaña: Paderne do Courel. Alí organiza actividades e rutas para quen queira gozar das marabillas dun Courel que xa é a súa vida e goza ensinando unha riqueza botánica descoñecida para a maioría de nós... sabían que O Courel acolle ata 25 especies distintas de orquídeas? 

Marcos, biólogo, naceu en Vigo pero leva seis anos vivindo en Paderne do Courel, unha aldea no Val do río Pequeno, en Folgoso, de apenas 25 habitantes. Mudouse tras a crise coa parella e aquí non lles falta traballo.

Unha das súas paixóns é ensinar a descubrir aos habitantes do Courel e aos visitantes as 25 especies de orquídeas, algunha delas endémica e única no planeta, que medran nesta serra. Como biólogo que é, sabe os mellores currunchos para admiralas e recoméndanos o Alto da Pedra, no límite entre Folgoso e Samos, unha das cinco microrreservas que creou Custodia do Territorio nas zonas calizas destes montes para preservar esta riqueza natural.

Moita xente non sabe que hai orquídeas en Galicia, pero Marcos asegura que cada vez se achega máis xente a aprecialo. E el é un dos que intentan volver a poboar esta terra non só con casas rurais, senón con actividades de turismo sostible como o sendeirismo botánico ou xeolóxico, nas que nos explica a falla de Vegadeo ou nos leva ata os fermosos soutos nos que está o Castiñeiro do Val da Fonte, disque milenario.

Para Marcos, a declaración do Xeoparque do Courel é benvida porque calquera destas denominacións axudan á protección dun espazo no que el e calquera pode apreciar o cambio de estacións que non se nota nas contornas urbanas. 

El xa non se ve vivindo noutro lugar que non sexa O Courel.

 

 

Atopar capítulo por: