Zigzag diario
Ánxeles Cuña, FITO e Galicreques
A directora de Sarabela Teatro e do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), Ánxeles Cuña, estará no plató para falar da 9ª edición do evento, que acolle a cidade das Burgas do 7 ao 19 de outubro, e que contará con compañías españolas, de Galicia, Cataluña, Andalucía e Madrid; e de fóra, concretamente, de México, Chile e Dinamarca.
Unha das montaxes que pasará polo FITO será “Antes de la metralla, forcejeos, humedades y estrategias tácticas teatrales”, de Matarile Teatro. Temos unha reportaxe sobre esta compañía, que ademais de estar na mostra de Ourense, viaxa con “Staying Alive” a Romanía.
“Stayin Alive” é unha obra que traslada unha reflexión vital desde o propio título e que amosa a necesidade do ser humano de definir o seu lugar no mundo, mesmo en situacións de incerteza ou medo, como a que se estivo a vivir a raíz da crise, fundamentalmente, nos países do sur de Europa.
Repasaremos tamén a programación do Festival Internacional Galicreques, que levará por Santiago ata o día 2 de outubro esta forma de teatro con monecos. Haberá monicreques tanto no Teatro Principal coma na sede da SGAE, pero tamén polas rúas e prazas da cidade, coma a praza Roxa ou a do Toural, con 18 compañías amosando as súas montaxes.