Anacos de vida
Noia
A nosa máquina do tempo tróuxonos hoxe a un lugar con moito avoengo... “a moi nobre, moi leal e moi anterga vila de Noia”, tal como podemos ler no seu escudo... Escudo no que tamén se representa a arca de Noé.
Porque segundo di a lenda ata estas terras chegaron Noé e os seus descendentes tralo diluvio universal e fundaron a vila dándolle o nome da muller dun dos seus fillos, Noela. Hoxe non vimos na arca senón no vello bus de Anacos de Vida, o noso vehículo para viaxar no tempo e que ben seguro que se vai ir enchendo de fotos antigas e de historias emocionantes da xente de Noia. No programa de hoxe de Anacos de Vida...
Emocionarémonos ao escoitar a historia dun ser humano extraordinario, Pepe Barrio, unha das persoas máis respectadas e queridas de Noia, gran deportista e sobre todo un exemplo de vontade e superación. Tamén imos tratar de averiguar, xunto co noso súper equipo de investigadores, que é un aparello que se agocha trala foto misteriosa deste capítulo.
E sobre todo, queremos chegar a descubrir que relación ten este trebello con Noia e por que foi tan importante. A ver se o conseguen. Tamén imos seguir os preparativos dunha homenaxe que se está a organizar na vila a dúas grandes mulleres: Angelita e Pepita, que axudaron a vir ao mundo a moitos veciños e veciñas... un acto que culminará coa foto por facer, a foto de familia desta homenaxe.