CRTVG

Buscar

Zigzag diario

Ángeles Huerta / "Ser e voltar" / "Diario de balleneras" / "Sansa soleil"

04/06/2015 20:30 h

O programa “ZigZag Diario” recibirá hoxe a visita da directora Ángeles Huerta, a única cineasta que pasou o mesmo ano polos festivais homófonos de Cans e de Cannes. Coa curtametraxe “Fetch”, unha comedia absurda, baseada nunha novela clásica irlandesa, sobre dúas personaxes antagónicas que acaban sendo atraídas por unha forza inevitable, gañou en Cans o premio ao mellor guión.

O espazo da tvG2 tamén se achegará á curtametraxe documental “Ser e voltar”, coa que Xacio Baño expón con humildade o seu presente ante os que o preceden e ante si mesmo. O filme retrata a crise dunha xeración nada a finais de século, moi formada, pero que carece dunha oportunidade para desenvolver o seu potencial.

Continuando coas curtametraxes, “ZigZag Diario” falará tamén de “Diario de balleneras”, realizada por Nacho Canosa nunha instalación abandonada na Costa da Morte, partindo de materiais de arquivo; e de “Sansa Soleil”, unha curta realizada polo fotógrafo e cineasta Otto Roca para o laboratorio audiovisual Chanfaina Lab sobre a pegada do sol en diversos puntos do noso territorio, que convida o espectador a unha experiencia sensorial coa luz, o espazo e o tempo.

Atopar capítulo por: