Zigzag-Eirado
Nerea Barros / Ávila Durán / “Jogando capoeira”
A actriz compostelá Nerea Barros será a convidada no tempo da entrevista que Tino Santiago realiza no programa “ZigZag-Eirado”. Nerea Barros virá acompañada do seu flamante premio Goya, recibido na gala da pasada semana en Madrid, como mellor actriz revelación do ano 2014. Participante en exitosas producións como “La isla mínima”, ou as series da Televisión de Galicia “Matalobos”, “Padre Casares” ou “O Nordés”, abordará os futuros proxectos nos que está traballando, despois de recibir este prezado galardón.
Pola parte plástica, Mon Santiso achegará unha reportaxe sobre a figura humana e os cadros do artista estremeño asentado desde décadas en Santiago, Ávila Durán. E, polo que se refire ao apartado musical, Renato Spencer e Cafe Caxaca van presentar o tema “Jogando capoeira”, no que conviven as diferentes músicas brasileiras, apropiadas precisamente nestes días de carnaval, con outros instrumentos alleos, como por exemplo a gaita galega.
No resumo da carteleira cinematográfica, que cada semana fai Ángel Suanzes, hoxe recolleranse películas como “Cincuenta sombras de Grey” e algúns documentais de impacto como “Red Army”, que fala da descomposición da URSS nos anos 80. Rematará o “ZigZag-Eirado” co espazo dedicado ás variadas músicas que se escoitan estes días por Galicia e que van desde actuacións de grupos de rock, tradicionais galegos e mesmo ritmos africanos.