Zigzag-Eirado
Nacho Mirás / María Xosé Santiso / "Estereoscopia"
Tino Santiago entrevista nesta edición de “ZigZag-Eirado” ao xornalista e escritor Nacho Mirás Fole, quen vén de publicar “El mejor peor momento de mi vida”. Trátase dun libro autobiográfico no que conta polo miúdo toda a súa loita contra o cancro cerebral que lle fora detectado hai uns meses. Mirás converteuse nun referente na asistencia médica española no campo da oncoloxía xa que desde o seu blog Rabudo.com descarga, coma ninguén fixera antes, todo o seu proceso de interiorización da enfermidade que afronta con grandes doses de optimismo e bo humor.
Por outra parte, Mon Santiso ofrecerá unha reportaxe sobre a pintora lucense Maria Xosé Santiso. Graduada en Belas Artes por Salamanca, a súa obra rinde culto a toda unha xeira de viaxes reais e imaxinadas que rematan no lenzo cunha inequívoca orixinalidade.
No capítulo cinematográfico de “ZigZag-Eirado”, Anxo Suances presentará as novidades da carteleira e Moncho Lemos ofertará “Estereoscopia”, unha curtametraxe guionizada a través dun home que comeza a ver a vida por un ollo transplantado e que serve de retrato dun universo creativo singular.