Documental
Nós, semente de futuro
Laura Risco, de vintetrés anos e sobriña bisneta de Vicente Risco, remata a universidade. Enfróntase a decisións que poden influír na súa vida adulta. Semella que todo está por suceder sen que ela teña a posibilidade de facer nada máis que obedecer. Laura volve a vista atrás, ao pasado representado pola Xeración Nós, interésase nos seus libros, na forza das súas palabras e das súas ideas nacidas hai xa cen anos.
Como o seu tío Bisavó, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Ben Cho-Sei, Laura decide partir cara a San Andrés de Teixido camiñando dende Ourense, como se conta no libro Pelerinaxes. Nesa viaxe coñecerá Galicia e o máis importante, poderá ver a súa vida con distancia e grazas ás verbas que veñen dun século atrás transformar a súa propia existencia. "Nós, semente de futuro" é unha aproximación á Xeración Nós a través das súas propias palabras e da opinión de expertos que nos permitirán coñecer de primeira man as peculiaridades artísticas, filosóficas, persoais e históricas do grupo nacido da centenaria Revista Nós.