Zigzag diario
“Mulleres en Acción: Violencia Cero”, “Unhas poucas picadelas” e Noelia Toledano
A iniciativa “Mulleres en Acción: Violencia Cero”, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, está a levar a cabo varias “performances” de diferentes artistas femininas en varias prazas da provincia. Paulova, Rosa Neutro, Mónica Mura, Mery Pais, Ánxela Blanco, Ana Gesto, Laura Piñeiro, Nieves Seara e Carmen Nogueria son algunhas das artistas encargadas de levar a cabo estas obras escénicas e, con este motivo, o “ZigZag Diario” desprazarase aos distintos recunchos en que se está a desenvolver esta experiencia.
Tras esta reportaxe de teatro contra a violencia de xénero, as artes escénicas continuarán a ser as protagonistas do “ZigZag Diario” co último traballo da actriz canguesa Casilda Alfaro, tamén contra esta lacra social, como protagonista. Baixo o título “Unhas poucas picadelas”, Alfaro pon en escena un caso real de violencia de xénero. A peza está inspirada no famoso cadro de Frida Khalo “Unos pocos Piquetitos”.
No estudio de gravación, “ZigZag Diario” renderalle unha sentida homenaxe a Xosé Neira Vilas, xa que, a directora Noelia Toledano falará da súa última posta en escena, titulada “Querido Tomás”, baseada na obra do autor finado.