Aquí Galicia
Mostra de viños da Ribeira Sacra en Pantón
O equipo do “Aquí Galicia” trasládase ao campo da feira do Castro de Ferreira en Pantón, concello lucense situado en plena Ribeira Sacra e delimitado por tres grandes ríos -o Miño, o Sil e o Cabe-, para gozar da fermosura da súa contorna e da súa destacada gastronomía.
Da man de Lucía Rodríguez, Bernardo Montaña e Juan Fuentes, coñecemos as adegas máis importantes da zona, onde se procesan os viños de gran calidade, que esta fin de semana se resaltan na 25 edición da Mostra de viños da Ribeira Sacra e, con motivo tamén da celebración da terceira edición da Festa da Empanada, o espazo coñecerá distintas maneiras de preparar este manxar tan galego.
A Ribeira Sacra e, en concreto, o concello de Pantón, destaca amais por dispoñer dunha ruta románica de grande importancia. Para dar boa conta disto, percorremos os seus santuarios principais, como o mosteiro cisterciense do Divino Salvador, onde elaboran galletas golosas, coquiños, amendoados, rosca e torta de améndoas; e as igrexas de san Miguel de Eiré, san Vicente de Pombeiro e san Fin de Cangas.
Ademais dos seus canóns e ribeiras, onde homes e mulleres traballan unha viticultura heroica e da súa ruta románica, o concello goza dunha natureza espectacular con diversas rutas de sendeirismo, que pasan pola fervenza de Augacaída, a Curuxeira, os miradoiros da Cruz e de Pena Pombeira,
Este concello converteuse nun destino turístico de relevancia tamén pola posibilidade de navegar os seus ríos. Por iso, parte do equipo do programa aproveita a súa estadía en Pantón para percorrer en barca as augas do Miño.
O programa está amenizado coas actuacións de Macarena Tejada, a formación de música tradicional Xograres de Lemos, a banda de gaitas O Castro, amais tamén de ofrecer bailes de salón.