CRTVG

Buscar

Momentos G

Montealto, o barrio de Manuela, o fogar que non cambia por ningún outro

07/06/2019 15:21 h

Un xigante de cemento pode ser o orgullo dun barrio enteiro, como pasa no coruñés Montealto co seu vello depósito, recoñecible desde calquera parte da cidade como unha icona da paisaxe urbana. Este depósito parece dicirnos: aquí está Montealto, o barrio máis senlleiro da cidade da Coruña. Un barrio que é fogar de Manuela que vaia onde vaia, polo seu traballo, sempre devece por volver e nunca pensou en vivir noutro lugar, imposible desde logo noutro que tivese tanto orgullo de barrio.

A actriz, directora, escenógrafa e guionista coruñesa Manuela Varela devece polo seu barrio, Montealto, que segue a ser o seu curruncho favorito moitos anos despois daquel día en que a súa familia volveu da emigración desde o País Vasco.

No descampado do depósito vello de augas, construción emblemática que todos recoñecemos nas panorámicas da cidade como unha torre en forma de copa, é o símbolo de identidade dun barrio, antes depauperado, que está a rexurdir.

Manuela lembra os seus xogos e os seus estudos, no mesmo colexio que linda con este lugar. Lembra tamén que antes todo era pedra e herba e a liberdade dos nenos de campar ás súas anchas.

Aquí seguen a vivir os seus pais, moi preto de onde tamén segue a vivir ela, porque nunca deixou o barrio en que estudou aínda que viaxe ou pase temporadas fóra, sempre volve á súa casa. Sobe ás pedras do depósito ás veces porque aquí se inspira, le e escribe guións, pensa, crea e, sobre todo, goza coas vistas marabillosas sobre o mar. 

Cando pensou no seu curruncho favorito, non o dubidou porque aquí medrou e aquí ten a sensación de fogar.

 

 

Atopar capítulo por: