CRTVG

Buscar

Aquí Galicia

Monforte de Lemos

24/10/2015 16:30 h

O equipo de Aquí Galicia visitará o conxunto monumental de San Vicente, o Burgo Medieval, a Xudería e o Colexio de Nosa Señora da Antiga, que é considerado o Escorial galego. Ademais, percorreremos en piragua o río Cabe, que atravesa a cidade, e achegarase ao Xardín Botánico da Pinguela, que conta con máis de 200 especies de árbores e arbustos, con representación das especies autóctonas de toda Galicia e doutras plantas ornamentais de orixe foránea.

Veremos a beleza arquitectónica e paisaxística da Ribeira Sacra, con paradas no canón do Sil e en distintas adegas desta denominación de orixe. Non podía faltar tampouco unha visita ao Centro do Viño de Monforte, que recolle toda a historia e a actualidade sobre o viño da Ribeira Sacra. Faremos unha saída ao monte para buscar cogomelos e castañas. E, xa que estamos en plena temporada de recolección de fungos, “Aquí Galicia” falará das XXXVII Xornadas Micolóxicas de Monforte e probaraos en tres pratos: empanada de cogomelos, revolto de cogomelos e champiñóns á prancha.

A música terá un protagonismo destacado nesta nova edición de “Aquí Galicia”, que ofrecerá as actuacións da orquestra ourensá Tony Pérez y los Arquinos, da artista monfortina e ex-recanteira Iria Cid, do Grupo de Gaitas Municipal de Monforte, da formación coral de canto tradicional Os Xoglares de Lemos, da agrupación folclórica Lemavos e da asociación cultural Amigos da Pandeireta.

Atopar capítulo por: