Documental
Memorial de Camposancos
'Memorial de Camposancos' é un documental dirixido por José Ballesta e Miguel Anxo Fernández, que quere reconstruír a historia do campo de Camposancos e renderlles homenaxe aos seus presos mediante o testemuño dalgúns dos que sobreviviron e dos familiares dos que morreron. Todo isto, a través da memoria dos veciños e veciñas da Guarda, que, exemplarmente e na medida das súas posibilidades, paliaron as terribles condicións de amoreamento, enfermidade e maltrato que sufrían os seus compatriotas, leais ao goberno republicano, no interior daquel campo.
Na localidade galega da Guarda, fronte a Portugal, está Camposancos. E alí aínda se pode ver, con impoñente silueta á beira do río Miño, o vello edificio do colexio dos xesuítas; durante máis de cincuenta anos (1875-1932) unha das institucións educativas de carácter privado máis importantes da península, con ilustre nómina de alumnos e mestres e unha fulgurante traxectoria que, entre outras cousas, levouna a ser berce das actuais Universidades de Deusto e Comillas. Na memoria máis recente do noso país, a palabra Camposancos representa dor e traxedia xa que, durante a Guerra Civil, as autoridades franquistas instalaron no colexio o campo de concentración máis importante de Galicia, centro de toda a armazón concentracionaria implantada no territorio. É despois da caída da fronte norte, entre 1937 e 1938, cando o colexio reconvertido á súa nova e sinistra función recibe a case que tres mil presos republicanos -asturianos na súa maioría pero tamén leoneses, casteláns, vascos ou cántabros e na súa fase final (1936) cataláns, manchegos, levantinos e andaluces- para a súa clasificación e, ao comezo, xuízo, pois chega a desprazarse ao campo con este cometido o Tribunal militar primeiro de Asturias. Os máis afortunados, nas pantomimas pseudolegais que alí se formaron, foron cumprir condena nas cadeas de Figueirido (Pontevedra) e Celanova (Ourense) fundamentalmente.
A moitos dos condenados a morte fusiláronos no verán de 1938, moi preto do campo, no lugar hoxe ocupado por un sinxelo memorial de honra levantado, hai agora vinte anos, pola iniciativa conxunta de galegos e asturianos. A outros, se cadra co obxecto de espallar o terror, leváronos a morrer a distintos lugares do sur de Galicia (Tui, San Simón-Redondela, Vigo, Ourense, etc). Xamais saberemos con certeza cantos outros morreron sen xuízo sequera, vítimas dos paseos, dos intentos de fuga, das enfermidades, dos "accidentes".