Momentos G
'María (y los demás)', premio á mellor longametraxe, a gran triunfadora da noite
A longametraxe 'María y los Demás', participada pola TVG, foi a gran triunfadora da XV edición dos premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual con cinco galardóns, entre eles, o de mellor película nunha gala en que se reivindicou o papel da muller na industria audiovisual e se fixo un chamamento a máis papeis para mulleres.
A actriz protagonista de 'María y los demás', Bárbara Lennie, obtivo o premio á mellor interpretación feminina.
A segunda no palmarés foi a serie da TVG 'Dalia, a Modista', que obtivo catro premios: interpretación feminina de reparto (Covadonga Berdiñas), dirección de arte, vestiario e maquillaxe e barbaría.
Pola súa banda, conseguiu tres premios Mestre Mateo o documental 'Esquece Monelos': mellor documental, dirección de fotografía e montaxe.
O premio ao mellor programa de televisión recaeu no programa da noite dos xoves na Televisión de Galicia 'Land Rober Tunai Show', que tamén contou con outro galardón, o do seu presentador, Roberto Vilar, que levou o Mestre Mateo ao mellor comunicador de televisión.
No apartado de traballos actorais, ademais do galardón para Bárbara Lennie, Luís Tosar levou o premio ao mellor actor protagonista por 'Cen Anos de Perdón'.
O Mestre Mateo para a mellor interpretación masculina de reparto foi para Monti Castiñeiras polo seu traballo en 'Serramoura' e a feminina para Covadonga Berdiñas por 'Dalia, a Modista'.