Zigzag diario
"María Fumaça" / Roser Garriga / Colectivo Cinta Adhesiva
O programa “ZigZag Diario” falará no seu primeiro programa do ano de “María Fumaça”, un proxecto literario e musical de celebración da vida que está de xira durante estas festas por toda Galicia. A familia artística de “María Fumaça”, composta por recoñecidos nomes da música e do teatro galego, estreou durante estas datas o espectáculo “Xiqui Xoque Fiú Fiú”, o último traballo dun proxecto que naceu como un agasallo de Uxía Senlle ao seu afillado Rui e que se converteu nunha ferramenta para derrubar barreiras físicas e mentais. O pai de Rui, Manuel Sío, visita hoxe o estudio do programa para falar deste espectáculo.
Outros temas que figuran no guión do espazo da tvG2 son unha conversa coa bailarina e coreógrafa catalá Roser Garriga e unha reportaxe sobre o colectivo Cinta Adhesiva, composto por poetas, músicos, actrices, bailarinas e performers que traballan entre a poesía e o teatro, sacando a lírica dos libros para facela aterrar no escenario.