Zigzag-Eirado
"Mar Menor" / Balance do Womex / Manuel Facal / "Hardo"
O director de Galaxia, Víctor F. Freixanes, visita esta noite o estudio de gravación do programa “ZigZag-Eirado” para presentar o novo selo da editorial, “Mar Menor”, que xorde coa vocación de traspasar fronteiras, xa que pretende difundir a cultura galega no mundo, tanto a través das súas obras clásicas coma de autores contemporáneos. Para o primeiro lanzamento no mercado estatal, seleccionáronse catro textos clásicos de Cunqueiro.
Por outro lado, o espazo presentado por Tino Santiago fará balance do que deu de si a última edición do Womex, o festival máis importante de músicas do mundo, que converteu a semana pasada a capital galega no maior mercado musical internacional. O Womex despediuse de Santiago deixando o listón moi alto para a cita de Budapest, onde se celebrará o certame o vindeiro ano.
Ademais, o programa da tvG2 visitará o estudio que ten en Carballo o artista multidisciplinar Manuel Facal, excepcional gravador e pioneiro nos anos 70 da arte cinética. Os seus inicios estiveron vinculados ao debuxo, con inspiración en Picasso e Dalí, pero o seu dominio das técnicas do gravado levouno a realizar obras parar artistas como Miró.
Finalmente, como cada semana, “ZigZag-Eirado” emitirá íntegra unha nova curtametraxe galega. Nesta ocasión será a quenda de “Hardo”, de Manolo Abad, un graballo histórico daquelas bocanadas finais do tempo da videocreación galega que arrancaba na segunda metade dos 80.