Eu quero ser
Actriz/actor, con María Vázquez
Cando es a pequena de 3 irmás o teu camiño márcano obrigatoriamente as súas pegadas, aínda que iso signifique que o teu pai pense que non lle saíu nin unha soa filla normal. Posiblemente a vida de artista non sexa a máis común pero si das máis emocionantes. Iso debeu pensar de pequena cando calzaba as puntas soñando con ser bailarina.
A interpretación cruzouse no seu camiño, e con ela o amor, así que decidiu deixar o baile e dedicarse ao que máis lle apaixonaba no mundo, actuar. Se falamos de darlle vida a outras persoas, nada mellor que alguén con enerxía e un sorriso contaxioso que desborda precisamente iso mesmo, moita vida.
Os alumnos de 4ºB do Colexio Maristas Santa María de Ourense recibirán unha visita moi especial: a actriz María Vázquez, antiga alumna do centro volve pisar a súa vella clase máis de 20 anos despois.
María emprende unha viaxe ao pasado na que se ve sorprendida polo antigo director do colexio, o seu profesor favorito, Don Prudencio, e unha das súas compañeiras de clase, María Bobillo.
Pola súa banda, os rapaces aprenden a ser actores, reciben clases de interpretación e viaxan a Santiago para asistiren a un ensaio xeral da obra de teatro na que traballa María Vázquez. Todo comeza cun soño, aquel que todos tivemos unha vez sendo nenos… Eu, de maior, quero ser…