Zigzag diario
“Manuel María. Antoloxía poética”, “Despois do Cataclismo” e “Teoría do riso”
O “ZigZag Diario” convida este luns a vir ao estudo de gravación a Darío Xohán Cabana para falar do seu libro “Manuel María. Antoloxía poética”, un traballo de selección realizado por Amelia Outeiro e o propio Cabana, que releron os poemas do autor chairego sen perder de vista os destinatarios finais: todo tipo de lectores que se queiran achegar por primeira vez á poesía de Manuel María e tamén aqueles outros que queiran revisar poemarios lidos e poemas lembrados.
As letras continuarán no “ZigZag Diario” cunha reportaxe sobre o libro “Despois do Cataclismo”, de María Alonso. Neste traballo, Alonso escribe sobre a opresión sobre as mulleres e sobre a cultura castrexa como ciencia ficción. O equipo do programa falou coa autora na librería compostelá “Lila de Lilith” sobre os diferentes aspectos formais.
Tamén está incluída no programa de hoxe unha achega a “Teoría do riso”, de Antón Patiño, unha obra en que o autor reivindica o riso revolucionario e transgresor fronte á descomposición e á decrepitude do poder. É un poemario de “intres”, onde o son da palabra falada reflicte a súa sombra no espazo branco das páxinas. .