O gato con botas
Manolo Paz
Manuel Manquiña desprázase a Cambados para conversar co escultor Manolo Paz.
O artista estaba predestinado a seguir a estela familiar e dedicarse ao campo e á carnicería. Porén, decidiu dar un xiro á súa vida e optar pola escultura. Sen posibilidades de adquirir materiais caros para a talla, decidiuse pola pedra autóctona, que se converteu no seu sinal de identidade. Durante unha década foi profesor da Escola de Canteiros de Poio e a sona chegoulle anos despois polos seus monumentos megalíticos. O escultor cambadés é hoxe unha referencia internacional con obra exposta en Europa, nos Estados Unidos ou no Xapón.
Manolo Paz abre as portas da súa Fundación, situada na desembocadura do río Umia, un proxecto compartido coa súa dona e que acolle unha das máis importantes coleccións de arte contemporánea dun artista galego. Fala con Manquiña dos seus proxectos de presente e futuro e das anécdotas máis destacadas da súa vida.