Zigzag diario
Manane Rodríguez, 'María y los demás' no Festival de Cine de San Sebastián e o documental 'Os días afogados'
Conversamos con Manane Rodríguez, directora do filme “Migas de Pan”, unha coprodución de España e Uruguai, elixida por este último país para representalo nos Óscar. A película, que se rodou en Galicia e que conta con actores do país como Ernesto Chao ou María Pujalte, recupera o drama das vítimas da ditadura uruguaia tras o golpe de estado de 1973. Cecilia Roth é a protagonista dunha historia que transcorre a ambos os lados do Atlántico e que fala do exilio.
Continuamos coas reportaxes sobre o Festival de Cinema de San Sebastián, onde entrevistamos ao equipo de “María y los demás”. A primeira longametraxe de Nely Reguera é un filme que disecciona o mundo da familia e o conflicto entre as obrigas que supón e o propio desenvolvemento persoal.
Falaremos tamén da cinta “Os días afogados”, que se atopa actualmente en carteleira. En 1992, a construcción do embalse de Lindoso, en Portugal, anegou para sempre as aldeas ourensás de Aceredo e Buscalque. Sabendo os veciños que nada podían facer para salvar as súas terras e o seu fogar, gravaron imaxes domésticas que hoxe constitúen un auténtico documento histórico e etnográfico. O documental combina este material non profesional coa narración daqueles que viviron os feitos, nun relato revelador sobres os mecanismos cos que actúa o poder.